Estamos moi ledos de anunciar que TICgal se uniu a tres asociacións tecnolóxicas: AGASOL, ASOLIF e Cluster TIC Galicia.

Agardamos continuar a enriquecer coas nosas contribucións o amplo abano de solucións de código aberto existentes e a través das novas relacións que recentemente formalizamos, fomentar o uso destas tecnoloxías en toda a sociedade.

Acerca de AGASOL

Asociación de Empresas Galegas de Software Libre

Agasol é unha iniciativa de empresas galegas de software libre que se agrupan nunha asociación para intentar acadar maiores oportunidades de negocio, exercer como interlocutores dun sector en fase expansiva en Galicia e, ao tempo, promocionar un modelo de sociedade do coñecemento no que resulta clave a liberdade para mellorar os programas informáticos e facer públicos e accesibles eses progresos.

Acerca de ASOLIF

Federación Nacional de Empresas de Software Libre

ASOLIF é unha federación de asociacións e empresas que ten como obxectivo defender e promover os intereses de organizacións e empresas que optan polo software libre a través da xeración e apoio de proxectos e iniciativas, individuais ou colectivos, baseados en modelos Código Aberto, co obxectivo de acadar unha xeración de riqueza de xeito responsable.

Acerca de Cluster TIC Galicia

O Clúster TIC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que se constituíu o 31 de xaneiro de 2008 para reunir as empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde a súa posta en marcha, o Clúster traballa para poñer en valor o macrosector TIC galego, impulsando a colaboración entre as empresas, aproveitando a capacidade tractora das máis grandes e a axilidade e a capacidade para a innovación das de menor tamaño.
Plenamente comprometido coa sociedade galega, o Clúster xera sinerxías para favorecer o cambio de modelo produtivo de cara a unha economía baseada na innovación e na produtividade, capaz de crear riqueza e emprego de calidade.

->  Pontevedra acolle o primeiro curso en España de Zabbix, un novidoso sistema de monitorización informático de grande utilidade para as empresas